Friday 19 de April de 2024

O concello da Laracha comezou onte a súa primeira acción formativa de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en institucións sociais dirixida as persoas desempregadas


A primeira acción formativa que imparte o Concello unha vez recibida a homologación do centro no Edificio Administrativo para impartir o certificado de profesionalidade.

Despois de acadar a homologación do centro e aula da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais con certificado de profesionalidade resultado ao gran esforzo realizado dende o Concello, poñemos en marcha a primeira edición.

A posibilidade de ter este centro e aula homologados para impartir o curso con certificado de profesionalidade é de gran importancia, pois é un dos poucos homologados da comarca de Bergantiños e un dos cursos con maior porcentaxe de inserción laboral na actualidade.
Onte 15 de marzo comezou o curso, nos que 15 persoas desempregadas se formarán na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, cunha previsión de inserción laboral do 100%.

Este é un curso complexo e intenso no que o alumnado se formará durante o período que vai do 15 de marzo ata o 20 de xullo en xornadas de cinco horas de formación teórica e práctica aprendendo todos os contidos do certificado de profesionalidade, dende o Apoio na organización de intervencións no ámbito institucional ata o Apoio psicosocial, e atención relacional e comunicativa en institucións.
Tódolos módulos contarán cunha proba de avaliación que determinará se o alumnado supera dito módulo.

É importante reseñar que para demostrar o aprendido na nosa aula homologada o alumnado realizará prácticas reais en institucións públicas dependentes do Consorcio Galego de igualdade da Xunta ao longo do mes de xullo grazas a un convenio de colaboración.